Dicionario
de autores/as do Barbanza |
ESPINAR, ALONSO DEL (A Pobra do Caramiñal, Século XV – América, 1514) En 1499 era superior do convento de San Antonio do
Xobre e en 1502 acompañou ao comendador frei Nicolás
de Ovando cando este pasou ás Indias como gobernador das
illas descubertas por Colón, e foi, probablemente, o primeiro
misioneiro galego en terras americanas. A raíz da polémica
das encomendas, combatidas polos dominicos e defendidas polos franciscanos,
orde esta última á que pertencía Espinar, veu
este a España en 1511 para informar ao Consello Real, o que
provocou a indignación do famoso dominico Bartolomé
de Las Casas, como ben amosa na súa obra Historia de
las Indias. En 1512 asistiu Espinar á asemblea convocada
polo Rei Católico e nela encomendóuselle, xunto con
Pero García de Carrión e co bacharel Enciso, que tamén
estiveran nas Indias, que redactasen as ordenanzas para cristianizar
os indios, ordenanzas que redactou fundamentalmente Espinar e que
son a base da Lexislación de Indias. Nese mesmo ano voltou
a América con corenta relixiosos da súa orde. O Padre
Atanasio López, citado por Couceiro di que “o seu nome irá
sempre unido á historia das famosas leis de Indias con mellor
dereito que o de Fr. Bartolomé de Las Casas”. Foi o primeiro
Provincial dos franciscanos nas Antillas. Voltou a América
en marzo de 1513, moi favorecido por Fernando o Católico
e moi apreciado polo cardeal Cisneros. |
|||||