Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

JANDRA, Leonardo da (A Pobra do Caramiñal, 1951)

O seu nome real é Francisco Sanisidro e vive e está integrado en México, onde é moi coñecido como narrador e ensaísta, e onde recibiu o Premio Nacional de Literatura en 1997.

As súas obras narrativas en castelán son Entrecruzamientos (México, Joaquín Mortiz, 1986-1990), triloxía que coñeceu unha reedición do primeiro volume en 1998, e do terceiro volume en 1998; Huatulqueños (México, Joaquín Mortiz, 1991) e Samahua. Aínda cómpre citar o seu relato Los caprichos de la piel, editada por Seix Barral mexicana.

A súa obra narrativa Arousíada (México, Joaquín Mortiz, 1995) apareceu en edición bilingüe, as páxinas pares en galego e as impares na versión castelá. A obra pretende facer unha épica trascendente da nosa ría, con personaxes como Don Martín Rodríguez de Xunqueiras.

Como mostra do seu galego, tan vivo e enraizado na súa vila natal, seleccionamos este breve fragmento de Arousíada:

“Na escola do Xués había unha mestra que se chamaba Manola, e había un rapás que lle desían Pepiño Fuchi, que lle tiña moito medo ós bichos. ¡Arre carallo!, traíamoslle unha miñoca e asustábase. E un día díxenlle ó que estaba o meu lado: <Ímolo amolar>. Estaba a profesora Manola tomándolle a lesión e fun eu e metín os dedos nun enchufe e pasínlle a man ó outro, e o outro pasoulla a Pepiño Fuchi que empesou a jritar e temblar hasta que se botou sobre a mestra que, flaca como estaba que paresía un toutiso, por pouco morre ca descarja. E claro, a profesora Manola mandou chamar ó meu pai e díxolle que xa non me quería na escola. Meu pai quíxome meter cura, pero eu non quería.”

Co pseudónimo “S.C. Chuco” publicou o volume ensaístico Totalidad, seudototalidad y parte (México, Joaquín Mortiz, 1990).
En 1999 publicouse a súa conferencia España y México: identidad en conflicto, en Madrid pola Casa de América. Debe citarse tamén o seu ensaio Presentáneos, pretéritos y pósteros (México, Joaquín Mortiz).