Dicionario
de autores/as do Barbanza |
MARIÑO DEL RÍO, MANUEL (Porto do Son, 1955) Mestre de E.X.B., as súas publicacións estudan os costumes e a historia do seu municipio natal. Entre os seus volumes poden citarse: Usos, tradicións e costumes en Porto do Son (Noia, autor, 1994), A carpintería de ribeira en Porto do Son (Muros, Toxosoutos, 1994), obra que a través do traballo cotián dun artesán carpinteiro explica a construcción dos barcos de pesca, pero aproveita ademais para amosa-la ferramenta do asteleiro, a fasquía dos barcos e que se acompaña ademais de interesantes ilustracións e A industria derivada da pesca no Concello de Porto do Son (Muros, Toxosoutos, 1996), obra esta última na que autor fai un estudo dos primeiros asentamentos da conserva na zona sonense dende o século XVIII ata chegar aos comezos do século XX. Mariño del Río publicou tamén algúns traballos en castelán como o libro Porto do Son, aspectos geográficos e históricos (Vigo, 1990), “Los hórreos de Porto do Son fueron levantados durante el siglo pasado y comienzos del actual” (La Voz de Galicia, 30-05-1991), entre outros. En colaboración co tamén sonense Mariño
Ventoso publicou o libro Lembranzas do Antroido en Porto do
Son (Noia, 1992). No ano 2000 publicou Os petroglifos de Porto do Son (Porto do Son, Concello), breve guía divulgativa das insculturas prehistóricas do municipio. Xa en 2004 publicou o traballo “Confrarías relixiosas en Porto do Son durantes os séculos XVI, XVII, XVIII e XIX”, editado no folleto Concello de Porto do Son. Semana Santa 2004. Nas actas da IV Semana da Historia de Noia. Homenaxe a Avilés de Taramancos (Noia, Casa da Gramática, 2004) publicou o traballo “A industria da salgadura catalana na ría de Muros e Noia”. |
|||||