Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

OSOIR’ANES (¿? – Santiago, 1246 circa)

Trobador, membro da poderosa familia dos Mariño, con terras en Noia e Lousame, foi fillo de Ioao Frojaz Marinho e viviu perto do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, onde testara seu pai o 17 de outubro de 1220, mentres el estaba a estudar en París. Segundo Cotarelo Valledor era irmán dos tamén trobadores Martin e Pero Anes Marinho, aínda que Resende de Olivera discute esta filiación. No seu testamento pide ser enterrado na Catedral de Compostela.

Foi autor de oito cantigas de amor, só unha delas de refrán, todas co tema común do corazón con vontade propia.
Segundo Resende de Oliveira, tería nacido contra 1220 e morrería en 1246 xa que nesa data testou, pero non ve segura a identificación que fixeron López Ferreiro e Cotarelo con Osoiro Anes Mariño, fillo de Johan Froiaz de Valadares, nome co que tamén se coñecía a seu pai. O que non acepta Oliveira é que Pero Eanes Mariño e Martín Anes fosen irmáns deste Osoiro Anes, pois para Pero dá a identificación dun nobre da Corte de Sancho IV en 1284.

En Compostela foi cóengo da Catedral e a data de 1246 dada por Tavani e Resende de Oliveira para a súa morte é, probablemente, errónea, pois testou con seguridad en 1236 e pouco despois debeu morrer. López Ferreiro identifícao con Osoiro Anes Mariño fillo de Johan Fraiaz de Valadares, pero Resende non ve convincente o dato.
Como mostra da súa poesía reproducimos, a partir do volume Lírica profana galego-ortuguesa II (Santiago, 1996), a cantiga seguinte:

Eu, que nova senhor filhei,
mal me soube d’affan guardar.
Pois ela nunca soub’amar,
a tal senhor que vus direi!
Mais pero direi-lh’ûa vez:
Que faça o que nunca fez!

Quen omen sabe ben querer
ja mais servida én será;
ca bôa dona vi eu ja,
por amar, mil tanto valer.
Por én lhi direi ûa vez:
Que faça o que nunca fez!