Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VALLE-INCLÁN, RAMÓN MARÍA DEL (28/10/1866 - /05/01/1936)

Moi ligado á Pobra do Caramiñal, pois viviu nesta vila durante longos anos e nela escribiu varias das súas obras castelás fundamentais, en galego é autor do poema “Cántiga de vellas” (1910), texto de tipo satírico. Ademais, no seu libro Aromas de leyenda empregou versos galegos para rematar os textos casteláns, que aínda que parten do popular, segundo Francisco Fernández del Riego poderían formar no seu conxunto un só poema e cinco de esas estrofas foron reunidas por este autor nun só texto na súa Antoloxía de poesía galega. Do dezanove aos continuadores (Vigo, Galaxia, 1976), que reproducimos:

SOBRE O sol e a lúa
voa un paxariño
que leva unha rosa
para Xesús meniño.

Paxariño louro,
gaiteriño lindo.
cántame no peito
que o teño ferido.

Cántame no peito,
gaiteiriño lindo,
que con Xesús falas
no teu asobío.

Pola mañán cedo,
lindo ruiseñol,
hai na túa cantiga
orballo de frol.

Orballiño fresco
nas pallas do día,
orballiño, gracia
da Virxe María.

Valle é, sen dúbida, un dos autores fundamentais da literatura española do século XX, lingua á que fará aportacións capitais nos eidos narrativo e teatral, creando un xénero, o esperpento, que cambiará radicalmente a dramaturxia deste século. Comezou a publicar en 1888 na revista santiaguesa <Café con gotas>, na que apareceu o relato “Babel” e o poema “En Molinares”.

En 1895 e prologado por Manuel Murguía aparece en Pontevedra o seu primeiro libro Femeninas e en 1897 aparecerá en Madrid Epitalamio novela curta. A súa primeira obra dramática publícase en 1899, Cenizas (Madrid, Bernardo Rodríguez), que logo se convertirá na obra El yermo de las almas, publicada en 1908.

En 1900 publica unha novela por entregas, baseada nunha peza teatral de Carlos Arniches e titulada La cara de Dios, que causará un grande escándalo cando sexa reeditada na década dos setenta polas acusacións de plaxio dos autores rusos.

En 1902 aparece a máis grande das novelas modernistas españolas, Sonata de Otoño (Madrid, imp. de Ambrosio Pérez), onde creará a figura do seu álter ego o Marqués de Bradomín, un novo tipo para un mito eterno como o de Don Juan.

En 1903 aparece o seu libro de relatos Jardín Umbrío que será ampliado en edicións posteriores, ano no que tamén aparecen a Sonata de Estío e Corte de amor; en 1904 aparecen a Sonata de Primavera e Flor de santidad. Historia milenaria; en 1905 aparece a Sonata de Inverno e Jardín novelesco, ampliación do libro de relatos de 1903,no que o relato “Nochebuena” introduce cántigas de tipo popular como a seguinte: “Si non fora porque teño/ esta cara de aldeán/ déralle catro biquiños/ nesa cara de mazán” ou “Esta casa é de pedra/ o diaño ergueuna axina,/ para que durmisen xuntos/ o Alcipreste e súa sobriña”, que amosan o grande coñecemento que tiña o autor da cultura popular galega.

En 1907 aparece o seu primeiro poemario, moi ligado ao Modernismo, Aromas de leyenda e tamén a primeira das Comedias bárbaras, “Águila de blasón”, así como unha das menos coñecidas obras do autor, El Marqués de Bradomín, coloquios románticos, que leva un eloxio de Valle feito polo hispanoamericano Vargas Vila. Nese mesmo ano, capital na historia de Valle, publica Historias perversas e reedicións das Sonatas. ao ano seguinte aparece o primeiro volume da triloxía La Guerra Carlista co título Los cruzados de la causa, que mostra xa a súa decepción co carlismo. Ese mesmo ano aparece a segunda das Comedias Bárbaras, Romance de Lobos, obra na que aparece outro personaxe clave do autor, Don Juan Manuel Montenegro.

En1909 aparece Cofre de Sándalo e o segundo e terceiro volumes da Guerra Carlista, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño; ao ano seguinte aparece unha nova peza teatral, plenamente modernista, Cuento de abril así como Las mieles del rosal, libro que leva á fronte un soneto de Rubén Darío. En1912 publicará Voces de gesta. Tragedia pastoril, cunha balada laudatoria de Rubén Darío e dedicada á actriz María Guerrero, e obra que é unha das máis fermosamente ilustradas do autor pois nela colaboran Ricardo Baroja, Rafael Penagos, Ángel Vivanco, José Moya e Aurelio Arteta.

En 1913 aparece a peza teatral El embrujado, primeiro na revista madrileña <El Mundo> e logo nun volume editado en Madrid por Perlado e Páez e ilustrada por Moya; neste ano tamén aparece a farsa sentimental e grotesca La marquesa Rosalinda. Unha nova farsa aparece en 1914, La cabeza del dragón.

En1916 publica unha obra en prosa que se pode considerar o seu breviario estético, La lámpara maravillosa, obra chea de referencias ao ocultismo.

En1917 aparece unha novela unanimista, La media noche. Visión estelar de un momento de guerra, que terá unha segunda parte publicada na prensa xa dende ese ano titulada En la luz de día.

En 1919 aparece na prensa, no xornal madrileño <El Sol> Divinas palabras. Tragicomedia de aldea, que aparecerá en volume en 1920, sendo 1919 tamén o ano na que aparece a súa segunda obra poética, La pipa de kif.

O ano 1920 é fundamental na historia do teatro español pois na revista <España> aparece Luces de Bohemia, o primeiro esperpento, que non será publicado en volume ata 1924, neste ano aparecen tamén Farsa y licencia de la reina castiza, a derradeira obra poética, El pasajero e outra peza teatral, Farsa de la enamorada del rey.

En 1922 aparece un pequeno esperpento na revista <España> , “¿Para cuando son las reclamaciones diplomáticas?”. A derradeira das Comedias Bárbaras Cara de Plata aparece en 1923. En 1925 vai saíndo na prensa o adianto da súa novela Tirano Banderas que se publicará en volume ao ano seguinte, e que é a orixe dun subxénero narrativo que podemos denominar “novela do ditador”, que terá ilustres continuadores nos hispanoamericanos García Márquez, Miguel Ángel Asturias e Roa Bastos; neste ano aparece tamén o esperpento Los cuernos de don Friolera.

No ano vinteseis, na colección <La Novela Mundial> aparece o auto para siluetas Ligazón, colección na que tamén aparece ese ano El terno del difunto, obra que logo recibirá o título de Las galas del difunto. Neste mesmo ano reúne en Tablado de marionetas para educación de príncipes as súas tres farsas.

En 1927 aparece Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte, que reúne as pezas teatrais “Ligazón”, “La Rosa de Papel”, “El embrujado”, “La cabeza del Bautista” e “Sacrilegio”, e aparece unha nova serie narrativa El Ruedo Ibérico co seu primeiro volume titulado La corte de los milagros, unha nova forma de entender a novela histórica e a creación de máis alento nese xénero despois de Galdós.

En 1928 aparece o segundo volume da serie co título Viva mi dueño; outras obras deste ciclo son Baza de espadas e Fin de un revolucionario. En 1930 reúne a súa poesía nun só volume co título Claves líricas e os esperpentos no volume Martes de Carnaval.

En 1931 segue publicando na prensa diferentes partes da serie El Ruedo Ibérico, o mesmo que en 1932, algunha das cales non se editará en volume ata despois da morte do autor.

En 1936, ano da morte do autor aparece unha escolma dos seus relatos que deixara preparada para a imprenta, Flores de almendro, prologada por Juan Bergua, así como a novela póstuma El Trueno Dorado no xornal madrileño <Ahora>.


A súa relación coa Pobra, deixando a parte o seu moi probable nacemento na vila, foi moi intensa porque xa dende 1869 ata 1876 pasará estancias nela, onde estudará latín co crego Cándido Pérez Noal. Entre 1917 e 1924 estará establecido na Pobra, fundamentalmente para dedicarse á agricultura na finca da Mercé e na Pobra nacerán os seus fillos Carlos Luís, María Encarnación e Jaime, este último, pintor moi apreciable. Será, pois, na vila pobrense onde escribirá algunhas das súas grandes obras como Divinas palabras, Luces de Bohemia, Cara de plata, ademais de comezar nela a redacción de Tirano Banderas en 1921. Terá grande amizade con García Martí, Gerardo Gasset e Andrés Díaz de Rábago, co que fundou un Sindicato Agrario Católico Obrero en 1919. Consérvanse varias cartas enviadas dende a vila pobrense. Sobre García Martí dirá, no prólogo a De la felicidad, o seguinte: “Este libro significa el místico anhelo por descubrir la estrella guiadora en la noche de tinieblas. Libro raro en la literatura castellana, revive la zozobra religiosa, la pavura galaica de los ojos que han visto pasar sobre el orballo de los senderos, la procesión nocturna de cirios y fantasmas.”

Probablemente recrean ambientes da Pobra do Caramiñal os seus traballos “Crónica. Judíos de cartón (recuerdo infantil)” (<Heraldo de Madrid>, 10 – 04 – 1903) e “Llegó la Semana Santa y mi madre me llevó a Viana del Prior”.