Diccionario
de autores/as do Barbanza |
VALLE-INCLÁN Y BERMÚDEZ, RAMÓN DEL (A Pobra do Caramiñal, 17/09/1822 – Pontevedra, 13/01/1890) Aínda que é citado como pobrense, soe darse o ano 1823 como o do seu nacemento, pero na partida de bautismo figura como nacido o 17 de setembro de 1823, sendo bautizado ao día seguinte na parroquia de Santiago do Deán, como fillo de Carlos Valle e Juana Bermúdez, veciños da mesma e como neto por liña materna de Manuel Bermúdez e Dominga Ponte, veciños do Caramiñal, mentres que pola liña paterna figuran como avós José Valle e Juana Malvido, veciños de Vilanova. Foi bautizado por Juan Antonio de Lomba e Pillado e foron os seus padriños os seus tíos José e María Bermúdez. Mariño mercante, funcionario e secretario do goberno civil pontevedrés, é o pai do grande don Ramón del Valle-Inclán. Dedicado a labores xornalísticos fundou <La Voz de Arosa> (1880 – 1882), colaborou en <La Opinión Pública> de Santiago, e en <La Ilustración Gallega y Asturiana> de Madrid, ademais de ter sido director de <El Eco de la Ría de Arosa> dende 1879. Como poeta en castelán foi premiado no certame literario de Santiago, en 1875, pola súa composición “A la ría de Arosa” (en Álbum de las composiciones poéticas premiadas en los Juegos Florales celebrados en Santiago en julio de 1875, Santiago, 1877). Como narrador publicou os relatos “Tambo” (<El Eco de Galicia>, A Habana, nº 206, 06-06-1886) e “La oración” (Ibid., 835, 25-06-1898; antes en <Almanaque de la Juventud Elegante y de Buen Tono para 1865>, Lugo, 1864). Este último texto, que leva por subtítulo “Cuadro de costumbres marítimas” foi editado por vez primeira en 1866. Almanaque de Galicia, para uso de la juventud elegante y de buen tono, dedicado a todas las bellas hijas del País, editado en Lugo na imprenta do Soto Freire en 1865. Ademais cómpre citar a “Elegía a Andrés Muruais” incluída na Corona fúnebre a la memoria del llorado poeta Andrés Muruais, editada en Pontevedra en 1883. Outros textos do autor son “Fue un convento” (<Crónica de Pontevedra>, nº 48, 28 – 06 – 1886), “El castillo de Lobeira” (Ibidem, nº 93 e 95, 23 e 25 – 08 – 1886). Foi membro correspondente da Real Academia da Historia (03 – 01 – 1885) e estaba en posesión da encomenda de Isabel la Católica, ademais de ser concelleiro de Vilagarcía e Gobernador Civil Interino de Pontevedra en 1889. Cultivou tamén o galego e en posesión da súa familia atópase o manuscrito que contén unha longa lenda titulada Ildaura, que lle fora premiada nun certame poético na década de 1870. O poema leva á fronte unha cita do poeta hispanoamericano Bernardo de Balbuena (1563 – 1627), bispo de Porto Rico, tomada da súa obra épica El Bernardo (1624), frase coa que tamén o seu fillo Ramón del Valle-Inclán pecha a súa novela Fin dun revolucionario. Segunda parte. Vísperas de Alcoleoa (<Los Novelistas>, Madrid, nº 1, 15 – 02 – 1928) como sinalaron Xaquín e Xabier del Valle-Inclán Alsina. Velái os versos: ¡Con qué facilidad mudan asiento / las más bien asentadas esperanzas! Outros textos da súa autoría son “Villagarcía” (<La Ilustración Gallega y Asturiana>, Madrid, nº 1, 07 – 01 – 1880), Al mar (editada en folla solta por Manuel Mirás e musicada por Manuel Martí), Ante la tumba de Méndez Núñez, poema recitado nos Xogos Florais de Pontevedra en 1884 e publicado en <El Anunciador> (Pontevedra, 18 – 08 – 1884) e A la batalla de Vicálvaro, editada nunha folla sen indicación de data nin imprenta, que é o texto que reproducimos:
|
|||||