Entrevista a Roque Cameselle

Iria Ríos

Iria Ríos

 

Bieito Dubidoso

Bieito Dubidoso, por Roque Cameselle

1. Que procuras nunha boa obra, sexa de cine ou literaria?
Que reflicta o mellor posible as paixóns e os sentimentos da xente protagonista dos feitos que conto. Os sentimentos son a roupa coa que o Azar e a Necesidade se visten para mover a Historia da Humanidade.

2. Como naceron as túas inquedanzas polo cine e a literatura?
Coma todos, ao tentar facer aquilo que vemos no redor e nos gusta. Dende moi neno amei a lectura e sobre todo o cine. Tamén voar, pero para iso pronto me decatei que non tiña facultades. No da literatura e o cine, talvez por máis pouco evidentes as carencias, persistín no cego empeño de practicalos, e ata aquí cheguei.

3. A que idade comezaches a traballar en cine e como escritor? Foiche moi difícil abrirte camiño? Cales foron os teus primeiros pasos?
A primeira curtametraxe, “Memoria non desexábel”, rodeina aos dezaseis anos, o primeiro conto que me premiaron “O Pausiñas” no Minerva, foi polo mesmo tempo.

Roque Cameselle

Roque Cameselle

4. Por que te decidiches a facer a túa obra en galego? Isto supuxo que se che pechasen portas? Que tes que dicir ao respecto da situación actual?
Porque é o meu idioma. Aínda que che vai parecer unha herexía, o certo é que en Galicia o ten moito máis fácil quen escribe ou roda en galego. De feito hai escritores de grande sona que fan a súas novelas en castelán e despois para lanzalas tradúcenas outros ao galego. No cine a situación é aínda máis esperpéntica; a nosa nación é quen ten no campo audiovisual a estrutura industrial mellor organizada do Estado. As películas por obriga teñen unha versión galega que practicamente ninguén mira, pero sempre se roda noutros idiomas, ata en inglés.

 


5. Falando da túa obra, Bieito Dubidoso, por que decidiches situala nunha época tan concreta e gloriosa de Galiza? Ten isto algo que ver coas túas inquedanzas?

Dilo na pregunta, porque Galicia tivo un pasado do que pode sentirse orgullosa, e ocultóusenos. Que non todo foi- que tamén-, emigración, lobishomes, meigas, serventas en Madrid ou escolas de Marín. Menos aínda o conto do escudeiro de quen puxo preso a García, o noso rei.

6. “Bieito Dubidoso” é un mago, unha persoa bondadosa que se ve somerxida en diversas intrigas causadas pola envexa e axudadas polo malestar político, e é el quen acaba perdendo o que de verdade lle importa. Porén, é unha persoa loitadora e emprendedora. Ti como ves a este personaxe, como unha vítima ou unha persoa activa? Como sería el hoxe en día, en pleno século XXI?
Ningún home ou muller podería aínda que quixera -Robinson Crusoe, incluído-, existir á marxe do que acontece no seu tempo. A posición social de cada quen marca as citas coa xente que vai frecuentar, iso non quere dicir que soamente os reis ou os guerreiros famosos estivesen nas batallas da vida, tamén os soldados. Cando algúns cheos dunha vaidade estúpida relatan os feitos históricos aos que asistiron os seus avós ou seus tataravós, esquecen que os antepasados de todos nós viviron tamén alí e, o máis seguro, no lugar máis heroico. A historia fana todos os homes sen nomes propios a identificalos. “Bieito Dubidoso” non podería ser deste tempo, o feudalismo pouco ten que ver coa sociedade de capitalismo tardío de agora, senón é en que uns poucos seguen a dominar a uns moitos.

7. No teu libro adoitas incluír sentenzas como a seguinte: “as fronteiras non están na terra, nin nos ríos, nin nas montañas. As fronteiras só existen nas cabezas e nos intereses dos homes”. Hai tamén nas súas obras un intento de adoutrinar ao lector?
Non hai obra sen ideoloxía ou neutral ante o que acontece, sinxelamente porque as persoas teñen un cerebro que non elabora a indiferenza. A “sentenza” día Bieito e eu estou con el no que afirma. O certo é que eu nunca querería adoutrinar a ninguén, que é un comportamento que moito ten que ver co aprendido pola forza da “autoridade”. Convencer do que penso xusto, si; por suposto, odiar ou desprezar a quen non convencín: nunca xamais.

8. Xa para rematar, que lle diría a toda a xuventude de hoxe en día? Que consellos lles daría (especialmente aos que como vostede procuran un sitio no panorama literario ou do cinema galego)?
Primeiro de todo, teño vintetrés anos e estou niso. Non son quen para dar consello. Eu a verdade nunca procurei un sitio en ningún lugar. Gústame moitísimo o cine e a literatura. Sobre todo o cine. Tento facelo o mellor que podo. Polo que teño vivido poderíase concluír que se traballas e “a sorte te acompaña” chegarás ao que desexes chegar, sempre que non sexa a voar se non tes ás coma os paxaros.