Déjame ir, madre

Iria Ríos

Iria Ríos

AUTORA
Helga Schneider naceu en Polonia no 1937 e trasladouse coa súa familia a Berlín, onde viviu durante os anos da guerra. A familia desfíxose cando a nai abandonou o fogar para ingresar nas filas das SS. Pouco despois, o pai contraeu segundas nupcias e a nova familia mudouse a Austria, onde Helga pasou a súa xuventude. Máis tarde, instalouse en Bolonia, cidade na que se casou e tivo un fillo. Dende entón, Italia converteuse na súa patria e o italiano na súa lingua adoptiva, chegando a apartarse da súa lingua materna, o idioma dos seus recordos, durante anos. A editorial Adelphi publicou en 1995 a súa novela Il rogo di Berlino, o e primeiro intento de exorcizar o demo materno, que se converteu nun éxito de vendas. Finalmente, no 2001, a publicación de Déjame ir, madre, supuxo para Helga Schneider outro formidábel éxito, tanto de crítica como de público.

Déjame ir, madre

Déjame ir, madre por Helga Schneider

ARGUMENTO
Helga Schneider, a protagonista desta dura historia, vai volver a ver á súa nai tras cincuenta e sete anos de separación. A última vez que a vira fora vintesete anos atrás, cando decidira ila visitar co seu fillo, e novamente sentiu que xamais tivera unha nai.
Cando Helga contaba con tan só catro anos, súa nai abandonara a toda a familia para integrarse na organización de Heinrich Himmel, a SS. Dende entón, só se reencontraran esa vez.
Neste libro nárrase o derradeiro encontro entres estas dúas mulleres, vencelladas por un lazo de sangue pero separadas por unha guerra imperdoábel. Agora, a protagonista decide ir vela por última vez porque lle chega unha carta dunha amiga da súa nai que lle recorda o delicado estado de saúde e a avanzada idade da súa proxenitora, así que Helga énchese de valor, e, acompañada da súa prima Eva, decide enfrontarse coas pantasmas do pasado.
Na súa visita, a través dos monólogos interiores da protagonistas e das conversas coa nai imos reconstruíndo unha historia tráxica, dunha rapaza desamparada que medra estrañando a figura materna, e unha nai que se preocupa máis de “salvar” ao mundo da raza xudía que da súa propia familia.

IDEAS CENTRAIS
Os alemáns foron tamén vítimas do nazismo. Esta obra dá outra visión do terceiro Reich, na que tamén os alemáns son vítimas da súa propia decisión. Isto ilústrase coa historia da protagonista, unha rapaza que é abandonada con tan só catro anos. A visión da rapaza contraponse á da nai, unha muller que goza somerxéndose nuns tempos que para moitos é mellor esquecer. É unha muller que a pesar da súa avanzada idade e a súa enfermidade, ten claro e intacto o seu orgullo nacionalsocialista.
Trátase dun libro plural, con diferentes visións.
Todo o mundo merece outra oportunidade. A través dos monólogos da protagonista, vese como a pesar do mal comportamento da nai durante toda a súa vida, accede a darlle unha segunda oportunidade, agardando que o tempo a fixera cambiar.
A manipulación á que sometía o réxime nacionalsocialista aos seus fieis. Este feito reflíctese en todas as historias relacionadas coa nai e coa “tía” de Helga.

ASPECTOS LITERARIOS
Déjame ir, madre é un espléndido testemuño da historia do nacismo e dos danos que causou, non só nos xudeus, senón tamén en todos os alemáns. A protagonista é á vez a voz narradora, pois a historia vaise conformando a través dun profundo e sórdido monólogo interior que se intercala coas conversacións que mantén coa nai. Tamén hai pequenos incisos nos que se introducen fragmentos de documentos oficiais do réxime. Así, a autora vai facendo un xogo de comparacións obxectivas e subxectivas, xa que confronta os documentos oficias co testemuño posterior da propia nai do mesmo feito.
A novela carece de capítulos, vaise contando uniformemente, como un longo día, pois o libro abarca escasas vintecatro horas da vida das protagonistas. É característico a sinxeleza na expresión das personaxes principais, aínda que cargadas de contido emotivo. E unha obra ineludible para todos aqueles interesados no Tercer Reich, un testemuño incríbel escrito co corazón.