Os Ciclos do Bambú

por Íria M. L. Lestón

AUTOR
Xavier Queipo é biólogo e narrador. Á parte de “Os ciclos do bambú” ten publicadas as seguintes obras: “Ártico e outros mares” (1990), Premio da Crítica Española; “Ringside” (1993), “Diarios dun nómada” (1993), “Contornos” (apuntes de filosofía natural, Xerais 1995), “O paso do noroeste” (1997), Premio García Barros; “Mundiños” (microrrelatos científicos, Xerais 1997), “Manual de instruccións (ensaios de antropoloxía cultural, Xerais 1999)”, “Malaria sentimental” (novela, 1999), “Papaventos” (novela, Xerais 2001) e “O ladrón de esperma” (relatos, Xerais 2002)

Os ciclos do bambú

Os ciclos do bambú, por Xavier Queipo

ARGUMENTO
Asia é o alicerce dos cinco relatos que compoñen este libro.
O exame imperial é unha historia curiosa que nos traslada ós costumes vietnamitas. Repleta de detalles asiáticos cóntanos a historia dun rapaz que coa axuda do seu pobo e o seu acompañante trata de conseguir un posto como axudante do gobernador. Para acceder a este posto debe presentarse a un complicadísimo exame, pero antes terá que facer un intensivo estudo de tantos temas como poidas imaxinar ao longo de cinco anos. A viaxe definitiva, ata o templo onde se realiza o exame imperial é longa, pero os avatares que lle ten argallados o destino serán decisivos na proba e a traxectoria do seu pobo.
Soño laranxa é o segundo relato. Inquedante, estraño pero moi orixinal. O autor convídanos a ler en alto unha serie de verbas e frases, quizais nunca ouvidas antes. Mesturadas, desordenadas e repetidas. Verbas nas que o espírito oriental, que tanto lle gusta ao autor, permanece.
O terceiro é As torres do silencio, unha descrición minuciosa e detallada da situación física e sentimental dun país sumido en culturas milenarias aparentemente inconcibíbeis para a cultura occidental, que a nós, ao igual que a eles a súa, nos ten submisos.
De seguido, preséntanos Media ducia de contos chineses, cargados de bo humor que de seguro causarán no lector máis dunha gargallada.
Metromanía, ao igual que o segundo relato, componse de verbas e frases soltas que mesturan unha idea exterior dunha viaxe en metro con outra interior de sensacións e manías.

IDEAS CENTRAIS
1.Asegúranos que a realidade, o intelecto e a sabedoría non só se atopa nos libros, senón na experiencia, na sociedade e na natureza.
2.Pretende crear unha actitude crítica no lector referente a aceptación e respecto a outras culturas contrarias á occidental.