O venres 26 de outubro ás 20:30, na librería Ler da Pobra do Caramiñal, Antonio Piñeiro presentará o seu novo libro Tres contos da Guerra. O acto será presentado por Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia; e estarán presentes Xerardo Agrafoxo, autor do prólogo do libro, e mais o autor. O libro recolle tres relatos con ilustracións de Julio Catalán que se desenvolven en tres escenarios moi distintos dunha mesma paisaxe de fondo, a da guerra, que é o fío conector do libro, xunto coa reflexión sobre tres consecuencias, tres significantes, relacionados co feito humano en condicións extremas. Forma parte da Colección Bourel, co seu habitual tratamento artesanal da edición, con ilustracións asinadas e numeradas.

Breve reseña:
O primeiro dos relatos, Made in England desenvolve unha pequena historia (de alta densidade metafórica) nun pequeno pobo costeiro da Galicia atlántica, inserta na gran paisaxe desolada e inmovilizada da posguerra española, íntimamente ligada ás súas consecuencias, semellantes en todos os recunchos do país.
O segundo, “Entre cascallos”, é un relato en primeira persoa, ambientado nunha cidade alemana no transcurso dos bombardeos nocturnos finais da Segunda Guerra Mundial, explorando as súas paisaxes de devastación total tanto no exterior e material, coma no interior e psíquico-emocional; cun trasfondo de historia de amor tamén finidecadente.
O terceiro, Conto anónimo, é, simplemente, o relato dunha escena (case un retrato) amorosa ambientada en Nagasaki xusto minutos antes do estoupido da segunda bomba nuclear no remate da Segunda Guerra Mundial. É o pequeno relato dun noivado, do nacemento dunha parella e dun futuro en común, que finalmente, sen que ninguén chegara a saber que existiu, queda volatilizado e borrado do mundo por unha arma de guerra total, sendo, para sempre, unha historia anónima.
Nota adicional:
O segundo dos relatos do volume, titulado Entre cascallos foi recoñecido este pasado mes de setembro co 2º premio no Certame de Relato Curto Ramón del Valle Inclán, pola Sociedade de Amigos do Museo Valle Inclán e o Concello da Pobra do Caramiñal