Entrevista a Iria Gestoso

Por Ángela Mª Segade Otero

A través dun fío telefónico de dous pisos soubemos algo máis de Íria Gestoso Rios, gañadora da trixésimo cuarta edición do Premio Minerva de Santiago de Compostela 2006 e do Accésit no Francisco Añón de Poesía deste ano. Pero estes non son os únicos, porque esta rapaza de tan só 17 anos xa precisa dos dedos das dúas mans para contar os certames que leva gañados. É unha excelente estudante, sen cabida a esaxeracións (e moitos profesores estarán comigo), coas ideas claras e cunha sinxeleza característica. Foi unha conversa agradable e amena, na que non faltaron, por suposto, a gheada nin o seseo “de andar por casa”.

Iria Gestoso

Iria Gestoso

Só escribes en verso?
Ás veces tamén escribo relatos, pero gústame máis a poesía e resúltame máis fácil para escribir.

En que pensas cando fas unha composición? En que te inspiras?
Uff, non sei. Non penso nada, o que xurda, non penso en nada concreto. Non busco a inspiración, escribo cando me vén algo á cabeza.


Que che gusta facer no teu tempo libre?

Estar coas miñas amigas, saír por aí, ler… Tamén me gusta ir dar unha volta e ver a tele ou películas ou oír música; o típico “son unha muller vulgar”.

Que tipo de música escoitas?
Un pouco de todo. Gústame a canción de Sweet Home Alabama, xa sabes, música de Esmorga. Tamén escoito rock, música tradicional galega, grupos novos que van saíndo.. a música celta tamén me gusta bastante ou o rap.

Non soportas…
(Pensativa) Non sei… A xente que quere aparentar o que non é, por exemplo. Non soporto o peixe, non me gusta nada, pero é algo menos transcendental.

Iria Gestoso

Iria Gestoso

Encantaríache…
Ir a Cuba coas miñas amigas de viaxe. O meu soño é ser piloto de avión, pero…

A pregunta típica, que tes pensado facer no futuro?
(Risas) Facer unha carreira e pasalo moi ben, pero non sei cal aínda.

Pero a estas alturas, en segundo de Bacharelato, algunha idea terás, non?
Si, Medicina ou Enxeñería de Camiños.

Continuarás escribindo…
Si, supoño, se me segue apetecendo, si. En principio tiña pensado.

Que significaron ata agora os premios que levas recibido, sobre todo o último, o de máis sona?
Fíxome moita ilusión, sobre todo porque non o esperaba. Os premios dan ánimos para seguir escribindo. Falo porque che apetece e se che premian por iso, anímate máis a continuar.