Premios Barbantia da Cultura 2008

O auditorio de Ribeira foi o escenario no que tivo lugar, o pasado sábado 29 de novembro, o acto de presentación do IV Anuario de Estudos do Barbanza, que edita a Asociación Cultural Barbantia. O libro recolle traballos dunha gran variedade de eidos temáticos, dende o cine ata etnografía, pasando pola tradución ao galego de autores inéditos na nosa lingua. Na mesa, presidida polo alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, estaban tamén presentes Luciano Fernández, concelleiro de cultura; Pastor Rodríguez, coordinador do Anuario; Milagros Torrado, directiva de Barbantia; e Alberto Piñeiro, coordinador da asociación.

_o0h5214.jpg

Anuario de Estudos do Barbanza 2008

Ese mesmo mediodía, sen mudar de escenario, os socios de Barbantia asistimos á entrega dos “sirenos” de bronce, cos que nesta ocasión se premiou a Manuel Dourado, Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza; o Museo Etnográfico de Artes, Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza; e Alfonso Costa, Premio Barbantia da Cultura Galega 2008.

_o0h5134.jpg

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Premios Barbantia da Cultura 2008

Presentación do CD Son de Rianxo

O venres 14 de novembro ás 20.30 h. no Colexio Público Brea Segade de Taragoña, presentación do CD Son de Rianxo, editado polo Museo Castelao do propio centro público e a Asociación Cultural Barbantia, co patrocinio de varias entidades públicas. No acto do venres participarán o coordenador do proxecto José Luís Dopico, os directivos de Barbantia, Milagros Torrado e Adolfo Muíños e Milagres Lantes, Delegada Provincial da Consellaría de Cultura e Deporte.

Na presentación haberá diferentes actuacións musicais dalgúns dos grupos de Rianxo participantes nesta colectánea que recolle e reinterpreta o repertorio de vellos gaiteiros do Concello.

son-de-rianxoblog.jpg

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación do CD Son de Rianxo

Finou Anxo Rei Ballesteros

Os amigos e socios de Barbantia sentimos fondamente a perda de Anxo Rei Ballesteros, pero manteremos aceso o facho da súa memoria.

Axo Rei

Publicado en Sen tema | Comentarios desactivados en Finou Anxo Rei Ballesteros