Presentación en Rianxo da última obra de Xesús Rábade

O Concello de Rianxo, a editorial Galaxia, Barbantia e La Voz de Galicia, convídannos á presentación do último Premio Blanco Amor de novela, Mentres a herba medra, do escritor Xesús Rábade Parades, así como á saída dun novo número do suplemento cultural A voz de Barbantia.

O acto contará coa participación de Pedro Piñeiro, alcalde de Rianxo; o académico e escritor Xosé Luís Axeitos Agrelo; Fernando R. Lavandeira, escritor e membro de Barbantia, e mais o autor, e terá lugar o vindeiro venres 25 de xaneiro, ás 20’30 h., na Casa da Cultura Cuartel Vello de Rianxo.

O escritor Xesús Rábade

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación en Rianxo da última obra de Xesús Rábade

Presentación en Noia das “Voces na Historia”

Este venres, día 11 de xaneiro, a Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia e a asociación cultural Barbantia, presentan o número 30 da Revista e mais o libro Voces na Historia, onde se recollen as actas da V Semana da Historia de Noia, organizadas, en colaboración co Concello de Noia, na pasada primavera. No acto, que se desenvolverá ás 20:30 horas na aula Álvaro de las Casas, do IES Virxe do Mar, falarán Xerardo Agrafoxo, historiador e socio de Barbantia, o alcalde de Noia, Rafael G. Guerrero e a concelleira de cultura, Loli Caramés.

Portada do volume Voces na Historia

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación en Noia das “Voces na Historia”

Presentación proxecto discográfico Rianxo, vellas músicas rumos novos

O Museo Pedagóxico Castelao do Colexio Brea Segade de Taragoña e a Asociación Cultural Barbantia, convídanvos á presentación do proxecto Rianxo, Vellas Músicas, Rumos Novos, que terá lugar no Auditorio María Casares do Colexio Brea Segade, o vindeiro venres 21 de decembro, ás 20:00 horas. Este proxecto consiste na recuperación polo Museo Pedagóxico Castelao do repertorio de músicos tradicionais de Rianxo, xunto a diferente material fotográfico, para a súa difusión e popularización entre os novos grupos, e que culminará na gravación dun CD no primeiro trimestre do 2008, coas partituras e biografías dos informantes interpretadas polas novas formacións.

A presentación do acto correrá a cargo de José Luís do Pico Orjais, un dos coordinadores de Educaldea e Profesor do CEP Brea Segade, e Adolfo Muíños Sánchez, vogal da asociación Cultural Barbantia. Tras a presentación, na que se insertarán fotografías de vellos gaiteiros e músicos de Rianxo, realizarase unha actuación en directo con algúns dos temas que se incluirán no disco homenaxe e que correrán a cargo da charanga Vai de Roda, Os Cangrexeiros, o grupo Fogo Fátuo e a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña, entre outros.

O grupo Airiños da Nosa Terra

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación proxecto discográfico Rianxo, vellas músicas rumos novos