Presentación proxecto discográfico Rianxo, vellas músicas rumos novos

O Museo Pedagóxico Castelao do Colexio Brea Segade de Taragoña e a Asociación Cultural Barbantia, convídanvos á presentación do proxecto Rianxo, Vellas Músicas, Rumos Novos, que terá lugar no Auditorio María Casares do Colexio Brea Segade, o vindeiro venres 21 de decembro, ás 20:00 horas. Este proxecto consiste na recuperación polo Museo Pedagóxico Castelao do repertorio de músicos tradicionais de Rianxo, xunto a diferente material fotográfico, para a súa difusión e popularización entre os novos grupos, e que culminará na gravación dun CD no primeiro trimestre do 2008, coas partituras e biografías dos informantes interpretadas polas novas formacións.

A presentación do acto correrá a cargo de José Luís do Pico Orjais, un dos coordinadores de Educaldea e Profesor do CEP Brea Segade, e Adolfo Muíños Sánchez, vogal da asociación Cultural Barbantia. Tras a presentación, na que se insertarán fotografías de vellos gaiteiros e músicos de Rianxo, realizarase unha actuación en directo con algúns dos temas que se incluirán no disco homenaxe e que correrán a cargo da charanga Vai de Roda, Os Cangrexeiros, o grupo Fogo Fátuo e a Banda de Gaitas Buxaina de Taragoña, entre outros.

O grupo Airiños da Nosa Terra

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación proxecto discográfico Rianxo, vellas músicas rumos novos

Presentación do Anuario 2007 e dos Premios Barbantia da Cultura 2007

A Asociación Cultural Barbantia, o Concello de Boiro e mais a Deputación Provincial da Coruña presentan o terceiro Anuario de Estudos do Barbanza 2007, que terá lugar na Casa da Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro, o vindeiro venres 14 de decembro, ás 21:00 horas. O acto será presentado por Alberto Piñeiro, e intervirán Xosé Deira, alcalde de Boiro; Gerardo Piñeiro, concelleiro de cultura; e Manuel Cartea, socio de Barbantia e coordinador do Anuario. Asimesmo, entregaranse os Premios Barbantia da Cultura 2007, que recaeron nesta primeira edición en Isaac Díaz Pardo, Xesús Santos Suárez e a Asociación Artesá e Etnográfica O Faiado-2.

Todos os socios de Barbantia poderán recoller, á finalización do acto, cadanseu exemplar do Anuario, así como o libro conmemorativo dos primeiros 25 números do suplemento A Voz de Barbantia, que edita a Asociación en colaboración con La Voz de Galicia.

Portada do Anuario

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación do Anuario 2007 e dos Premios Barbantia da Cultura 2007

Intensa noite cultural en Boiro da man de Barbantia

A Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia e o Proxecto Leñaverde presentan o venres 30 de novembro, ás 23:00 horas, no pub Ese de Boiro o libro de Carlos Meixide O home inédito. A seguir tamén se realizará a presentación dun novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia. O acto contará coa presenza do autor; de María Yáñez, en representación da Editorial A Rotonda; de Alberto García, como responsable de Leñaverde; e mais de Ana Redondo, membro de Nova Barbantia.

Ao longo do acto fallaranse, asimesmo, os premios Barbantia da Cultura 2007.
Ao remate da presentación actuará o grupo Os da Ría. Posteriormente, a partir das 00:30 horas, terá lugar un concerto a cargo do grupo de rock Agoraphobia, que presentará a súa primeira maqueta, titulada Mentir y gobernar.

Acto cultural de Barbantia

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Intensa noite cultural en Boiro da man de Barbantia