Presentación na Pobra de Tres contos da guerra, de Antonio Piñeiro

O venres 26 de outubro ás 20:30, na librería Ler da Pobra do Caramiñal, Antonio Piñeiro presentará o seu novo libro Tres contos da Guerra. O acto será presentado por Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia; e estarán presentes Xerardo Agrafoxo, autor do prólogo do libro, e mais o autor. O libro recolle tres relatos con ilustracións de Julio Catalán que se desenvolven en tres escenarios moi distintos dunha mesma paisaxe de fondo, a da guerra, que é o fío conector do libro, xunto coa reflexión sobre tres consecuencias, tres significantes, relacionados co feito humano en condicións extremas. Forma parte da Colección Bourel, co seu habitual tratamento artesanal da edición, con ilustracións asinadas e numeradas.

O autor, Antonio Piñeiro

Breve reseña:

O primeiro dos relatos, Made in England desenvolve unha pequena historia (de alta densidade metafórica) nun pequeno pobo costeiro da Galicia atlántica, inserta na gran paisaxe desolada e inmovilizada da posguerra española, íntimamente ligada ás súas consecuencias, semellantes en todos os recunchos do país.

O segundo, “Entre cascallos”, é un relato en primeira persoa, ambientado nunha cidade alemana no transcurso dos bombardeos nocturnos finais da Segunda Guerra Mundial, explorando as súas paisaxes de devastación total tanto no exterior e material, coma no interior e psíquico-emocional; cun trasfondo de historia de amor tamén finidecadente.

O terceiro, Conto anónimo, é, simplemente, o relato dunha escena (case un retrato) amorosa ambientada en Nagasaki xusto minutos antes do estoupido da segunda bomba nuclear no remate da Segunda Guerra Mundial. É o pequeno relato dun noivado, do nacemento dunha parella e dun futuro en común, que finalmente, sen que ninguén chegara a saber que existiu, queda volatilizado e borrado do mundo por unha arma de guerra total, sendo, para sempre, unha historia anónima.

Nota adicional:

O segundo dos relatos do volume, titulado Entre cascallos foi recoñecido este pasado mes de setembro co 2º premio no Certame de Relato Curto Ramón del Valle Inclán, pola Sociedade de Amigos do Museo Valle Inclán e o Concello da Pobra do Caramiñal

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación na Pobra de Tres contos da guerra, de Antonio Piñeiro

Presentación do novo libro de Anxo Angueira en Boiro

A Asociación Cultural Barbantia presentará o novo libro de poesía de Anxo Angueira, Fóra do Sagrado de Edicións Xerais, o sábado 20 de outubro, ás 22 da noite no Pub Esmorga de Boiro.

Anxo Angueira

Publicado en Actividade de Barbantia | Comentarios desactivados en Presentación do novo libro de Anxo Angueira en Boiro

Presentación do libro Palabras Contadas de Camilo Franco

Capa do libro
O Bar Praza de Ribeira acollerá o venres 13 de xullo ás 21 h. a presentación do libro Palabras contadas de Camilo Franco. O acto contará coa presenza do autor que estará acompañado á guitarra polo músico Magín Blanco. Editado dentro da colección de narrativa de Edicións Xerais acadou a súa segunda edición. Palabras Contadas inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve o autor aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. A presentación está organizada polo Ateneo Valle Inclán, a asociación cultural Altofalante e Barbantia.

Publicado en Actividade de Barbantia, Sen tema | Comentarios desactivados en Presentación do libro Palabras Contadas de Camilo Franco