Dende hai algún tempo, unha morea de amigos do Barbanza, os máis deles creadores e animadores culturais, viñamos acariñando a idea de crearmos un espazo que nos xunte e que sexa unha especie de lugar común para a cultura. Despois de moitas conversas, decidimos fundar Barbantia, unha asociación cultural que pretende ser un centro de ideas, un proxecto comun, aberto, de carácter independente, co único ánimo de lucro da cultura como elemento enriquecedor. Estamos convencidos de que o Barbanza ten unha importante oferta cultural -isto non é unha descuberta-, pero tamén nos decatamos de que esa oferta non transcende moitas veces os límites do propio concello que oferta o acto. Esa é unha verdadeira mágoa, porque conferencias, obras de teatro e actos de certa relevancia non recollen máis público que o dos propios concellos, e a distancia non debería ser un atranco porque a configuración física da comarca favorece a comunicación.
Somos conscientes de que a creación é fundamentalmente un acto individual, pero unha vez feita a obra, a escultura, o cadro, o poema, a novela, é preciso poñerlles ás, dálos a coñecer. E moitas veces non abonda coa inauguración dunha exposición, coa publicación dun libro ou coa estrea dunha obra de teatro, se o publico ou ben non o sabe ou pensa que é algo que organiza, non tanto un concello, como o grupo de goberno. A nosa idea é evitar o sectarismo, poñer a cultura por riba de intereses xa políticos, e procurar un punto de encontro. Por iso pensamos que Barbantia, ademais dun movemento comarcal, podería ser esa especie de plataforma cultural que mediase cos concellos do Barbanza, coas institucións e con outras asociacións para a organización conxunta de encontros, relatorios, exposicións, debates e calquera actividade de interese. A nosa achega sería, non para competir, senón para compartir e, asemade, completar aqueles baleiros culturais na comarca.
En definitiva, Barbantia intentará ser un centro de ideas, no que todos, na medida do posible, participemos e nos sintamos parte activa dun proxecto, que, amais dun espazo cultural común, acade para o Barbanza un sinal distintivo, unha marca identitaria cultural, non xa dentro senón tamén fóra da comarca.
Por iso, intentaremos que a participación se vaia diversificando nos distintos concellos para procurarmos liñas internas de comunicación e unha mobilidade que faga da asociación unha caixa de resonancia, unha correa transmisora de intercambio, reflexión, encontro e, sobre todo, amizade.
Polo seu marcado carácter comarcal e pola multidisplinaridade das actividades que desenvolvemos, precisamos organizar o seu traballo a través de comisións.
Neste documento podemos ver como organiza Barbantia o seu traballo. Proposta organizativa de Barbantia
Áreas de Xestión | Xestión Xeral e Económica |
---|---|
Comunicación e Vida Asociativa | |
Normalización Lingüística | |
Novas Tecnoloxías | |
Mocidade |
Áreas Temáticas | Artes Plásticas e Imaxe |
---|---|
Xeografía e Historia | |
Pensamento | |
Literatura | |
Ciencias | |
Música | |
Bibliografía e Documentación | |
Cultura Popular |
Áreas de Eventos | Comisión Organizadora da Semana da Cultura Galega Actual |
---|---|
Comisión Organizadora do Encontro de Creadores do Barbanza | |
Comisión Coordinadora do Anuario | |
Comisión Autor Homenaxeado |
Áreas Territoriais | Rianxo |
---|---|
Boiro | |
Pobra | |
Ribeira | |
Porto do Son | |
Noia | |
Serra de Outes | |
Lousame |