Entrevista con Xerardo Agrafoxo.

Charo López Sánchez

Charo López Sánchez

Xerardo Agrafoxo, socio de Barbantia, gañou o Premio García Barros 2004 pola súa obra Unha viaxe en Ford T.

Unha viaxe en Ford T

Unha viaxe en Ford T, por Xerardo Agrafoxo

1. Ten un currículo envexábel…, vostede como se definiría a si mesmo? Mestre? Escritor?
Unha persoa inquieta e curiosa.

2. De todo o que estudou (Maxisterio, Filosofía e Letras, Xeografía e Historia) que é o que recomendaría? Algo que o decepcionase?
Estudar a nosa historia para comprender o noso futuro. Sempre rexeitei o estudo da historia durante o franquismo.

3. Algunha carreira pendente?
Atravesar o Sáhara ou viaxar a lugares descoñecidos.

4. Que o fixo superar as obras “didácticas” sobre arqueoloxía e historia para dar o salto á literatura?
A paixón que sempre tiven pola literatura. O desexo de contar historias cun estilo sinxelo. O reto de coñecer as miñas habelencias coa narrativa.

5. Pensou en escribir en español? Pensa que se lle pechou algunha porta pola lingua?
Nunca pensei en escribir en español porque esta non é a miña lingua. Ademais, os meus libros de historia pertencen á realidade local galega. A lingua é un compromiso.

Xerardo Agrafoxo

Xerardo Agrafoxo

6. Na súa prosa son características as descricións polo miúdo das paisaxes. Chamoume especialmente a atención que falase do recendo “a humidade” urbano en “Unha viaxe no Ford T”. Estivo en todos os lugares que aparecen nas súas historias?
Todas as paisaxes descritas en “O triángulo de Oscar Wilde” ou en “Unha viaxe no Ford T” foron contempladas polos meus ollos durante as viaxes que realizo no verán. Este ano irei a Hungría, Eslovaquia e Chequia. Seguro que aparecerán reflectidas nunha próxima obra literaria. Nalgunha novela tamén aparecerán as miñas baixadas a Tinduf.

7. Falando da parte real da súa literatura, unha pregunta algo máis indiscreta: As escenas eróticas de “O triángulo de Oscar Wilde” son integramente ficción, ou están inspiradas na realidade?
Todas as escenas están inspiradas na realidade. Unhas son autobiográficas, outras simplemente biográficas. O erotismo tamén é un estado de ánimo.

8. Que lle supuxo recibir un premio coma o García Barros de novela?
A confirmación dunha escrita ateigada de sensualidade, viaxes emocionantes e vocación dun estilo sinxelo. Tamén un futuro máis inquietante.

9. Dende cando lle interesa a literatura?
Dende que me prohibiron ler certos libros (“Homenaxe a Cataluña”) ou ver determinadas películas (“Rebelión a bordo” ou “O último tango en París”) durante o franquismo.

10. Nunca antes escribira nada?
Estes dous libros son a miña primeira contribución á literatura. Os libros de historia impedíronme concentrar noutras cousas.

11. Non pensou escribir nalgún outro xénero?
Non. A narrativa é o xénero que máis me interesa, é dicir, crear personaxes e historias tiradas da realidade cotiá.

12. Un libro a recomendar.
“Guerra e Paz”, de León Tolstoi.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.